deporte

 

É cousa de botar a vista atrás e achegarse ás páxinas da historia de Castelo Deporte para entender a relación da asociación co deporte. Tamén para saber o que representa para unha entidade que non é clube, pero que tampouco é empresa de organización de eventos deportivos: ahí está a clave de todo.

Facemos por montar e desmontar todo, por coñecer ben os deportes para os que organizamos campionatos, torneos e ligas, pero por coñecer ben aos deportistas, chamalos a metade de ano para tomar unhas cañas e escoitar as súas ideas, o que propoñen para a competición do ano seguinte. Porque somos deportistas, pero non dos que compiten cada fin de semana, senón dos que botan unha pachanga os sábados pola mañá ou de vez en cando percorren os camiños do Xalo: nin máis nin menos.


 

E o certo é que ao principio era fútbol sala, logo nos metimos co tema do tenis, máis adiante coas carreiras de montaña, despois co descenso en mountain-bike e a pasada primavera co atletismo sobre asfalto. Quédanos moito deporte por explorar, pero esta é unha pequena mostra do que temos feito ata agora…

Castelo Deporte | Fútbol sala

É a nosa actividade estrela, e non pola cantidade de xente que recibimos para participar, que tamén, senón porque levamos oito anos consecutivos facéndoa. Un maratón que nun principio duraba dous días, polo ano 2006 cando todo comezou, e que o pasado ano xuntou a máis de vinte equipos loitando por case 2000 euros en premios económicos durante toda unha semana. A sede desta actividade está, porque vai no seu ADN, na polideportiva de Castelo, a que é para case todo a nosa casa.

Castelo Deporte | Tenis

En dúas ocasións (2009 e 2010), a polideportiva de Castelo acolleu un campionato de tenis dentro da programación deportiva da asociación a finais do mes de agosto. Ata catorce foron os participantes en cada unha das edicións, que sorprenderon polo nivel dos deportistas que se deron cita no recinto cullerdense. Durante varias horas, nalgúns casos, prolongáronse os partidos aos que asistiu numeroso público que gozou coa profesionalidade dos tenistas participantes.

Travesía do Xalo | Atletismo de montaña

Na edición do pasado mes de abril a mediomaratón de montaña máis dura de Galicia cumpría catro anos. Castelo Deporte organiza a Travesía do Xalo para potenciar e dinamizar o pulmón verde da comarca da Coruña, e faino cunha sensacional acollida no que a participantes se refire. Case medio milleiro de atletas e camiñantes danse cita cada ano en Castelo para percorrer máis de vinte quilómetros de desniveis imposibles. É unha das actividades estrela das que organiza a asociación, e sen dúbida a que mellores índices de parabéns acada cada ano.

Descenso ao Xalo | Ciclismo

En colaboración co clube School Riders, tamén con sede en Culleredo, nos anos 2010 e 2011 Castelo Deporte organizou na falda do Xalo, e na parroquia de Celas de Peiro, unha espectacular proba de descenso en mountain-bike. Fui unha das catro probas do Open de Galicia de Descenso, que promovía a Federación Galega de Ciclismo, e na que participaron máis de trescentos corredores federados. Todos eles defiron o do Xalo como un dos circuítos máis complexos e mellor traballados, o que fixo da proba unha das mellor valoradas a nivel autonómico e estatal.

Carreira pola Ría do Burgo | Atletismo

No 2012 organízase por primeira vez unha carreira de dez quilómetros polo paseo marítimo do Burgo. O obxectivo, chamar a atención sobre a problemática da ría e a súa prometida rexeneración. Con máis de seiscentos inscritos, a proba converteuse na de maior afluencia na historia de Castelo Deporte. Contou, na súa primeira edición, coa colaboración do Coruña The Style Outlets.

Liga de Fútbol Culleredo Mocidade | Fútbol sala

Coa colaboración da concellería de Mocidade de Culleredo, e percorrendo todas as parroquias do municipio, na primavera de 2010 desenvolveuse a primeira edición da Liga de Fútbol Culleredo Mocidade. Un campionato de máis de dous meses de duración e con doce equipos participantes que se desenvolveu durante todas as fines de semana dos meses de abril, maio e xuño nas diferentes instalacións deportivas ao aire libre. O obxectivo, potenciar e promocionar a actividade física e levar eventos deportivos a todas as parroquias do concello.

Castelo Non Para | Fútbol sala

Fomentar a convivencia entre rapazas e rapaces interesados na práctica deportiva durante vintecatro horas consecutivas e nunha instalación polideportiva municipal foi o obxectivo das dúas edicións do Castelo Non Para, un maratón que se desenvolveu nos anos 2011, 2012 e 2013 en Tarrío (Culleredo), e no que participaron ata trinta e dous equipos formados por case trescentos deportistas.

Velada de boxeo e kick boxing | Boxeo

Unha das poucas veladas ao aire libre de Galicia iniciou a súa andaina no ano 2012 na polideportiva de Castelo. Máis de duascentas persoas déronse cita na parroquia cullerdense para asistir a sete combates nos que participaron boxeadores locais e de toda Galicia, nun sensacional espectáculo amenizado polo actor Marcos Pereiro como speaker.